viernes, 27 de marzo de 2026

HAPPY EASTER, BOA PASCUA!

Ó longo destas dúas últimas semanas de trimestre estivemos preparando a nosa escola para a pascua: coelliños, ovos, cenouras... E, por suposto, rematamos ca tradicional busca de ovos de chocolate. Encántanos!



jueves, 26 de marzo de 2026

CONCERTO DIDÁCTICO DA TRADESCOLA

Hoxe tivemos a visita de Xabi, Lucía e Mónica, profesores da Tradescola que nos ensinaron algúns dos instrumentos da nosa música tradicional. E, como non, rematamos bailando a muiñeira. Pasámolo moi ben! Agardamos volver vervos o próximo curso. Moitas grazas! 

miércoles, 25 de marzo de 2026

O PARQUE DE BOMBEIROS

Hoxe os nenos e nenas de 4 anos achegámonos ó Parque de Bombeiros de Sarria para coñecer de cerca o seu traballo. Álvaro, Jose, Nacho e Miguel foron moi amables connosco, da súa man vimos as instalacións do parque, os seus traxes, os vehículos e superamos distintos retos. Voltamos á escola felices! 



viernes, 20 de marzo de 2026

DOWN LUGO

A semana pasada na nosa escola tivemos unha visita moi especial da Asociación Down de Lugo. Como se achega o Dia Mundial da Síndrome de Down compartimos con vós algunhas imaxes desa xornada tan divertida. Moitas grazas a Marcos e aos seus acompañantes. Agardamos poder repetir.


miércoles, 18 de marzo de 2026

DÍA DA POESÍA

Un ano máis participamos co resto de centros educativos da contorna no Día da Poesía, este ano coa temática “os montes”. O noso alumnado de sexto de EI recitou Cando a luniña aparece de Rosalía de Castro e pediu que nunca máis ardan os nosos montes. Grazas IES Gregorio Fernández por contar con nós.

POLO NORTE, POLO SUR

Logo do Nadal, onde está Papá Noel? Esa foi a dúbida que lles xurdiu ós nenos e nenas de 4 anos e investigando, investigando deron co seu paradoiro: no Polo Norte!  Deste xeito xurdiu un pequeno proxecto no que os máis cativos investigaron sobre as zonas máis frías do planeta Terra: o Polo Norte e o Polo Sur. Co paso dos días xurdiron novas inquedanzas: vive alguén? Que animais hai? Como é a vida alá? ...

Á traves de actividades de investigación, contos, búsqueda en rede e á aportación das familias de material relacionado co tema os nenos e nenas aprenderon moitísimo, e xa para rematar e facer deste proceso algo máis lúdico atrevéronse con manualidades que podedes ver a continuación. Bo traballo!






martes, 17 de marzo de 2026

HAPPY SAINT PATRICK'S DAY

Hoxe celébrase o Saint Patrick´s Day e nas nosas sesións de inglés con Pili e Jess estivemos falando de trevos, arcos da vella e leprachauns e, por suposto, empregamos moito a cor verde. Por aquí vos deixamos algunhas imaxes.

viernes, 13 de marzo de 2026

AS NOVAS DA XELA, SEMANA DA PRENSA

Como vén sendo habitual nos últimos cursos pola semana da prensa publicamos o noso xornal, "As novas da Xela". Onte Xeliña deixounos no correo unha copia para levar á casa e outra para a aula. Tamén fixemos outras actividades con xornais. Agardamos que sigades informándovos con nós!



martes, 10 de marzo de 2026

SEMANA DAS MATEMÁTICAS, VISITA O IES XOGRAR

Hoxe, o alumnado de 6º de infantil, acudiu ao IES Xograr Afonso Gómez como parte da conmemoración da semana das matemáticas. Alí realizamos unha serie de obradoiros organizados polo alumnado de 2º de bacharelato e as súas profesoras de matemáticas.

Fixemos un xogo de parellas matemáticas, escoitamos a historia do número infinito, aprendimos a diferenciar entre "maior que" e "menor que". Logo da merenda realizamos diferentes de actividades por equipos onde tiñamos que ir selando o noso pasaporte matemático cada vez que completabamos un.

Unha xornada divertida chea de aprendizaxes. Moitísimas grazas por convidarnos, estamos desexando volver!



miércoles, 4 de marzo de 2026

DÁMOSLLE A VOLTA Ó CONTO CON RAQUEL QUEIZÁS

Hoxe asistimos ó espectáculo Dámoslle a volta ó conto de Raquel Queizás. Mediante monicreques cos que Raquel representou a súa infancia e a da súa avoa foinos contando contos de mulleres donas do seu destino e de homes que se liberan da máscara da masculinidade e permítense mostrar a súa sensibilidade. Encántounos, moitas grazas!



lunes, 2 de marzo de 2026

PANAGBENGA NA NOSA ESCOLA

Jess, o noso auxiliar de conversa, xunto coa teacher Pili, explicaron en qué consiste a Panagbenga, que é un festival que se celebra en Baguio, Filipinas, durante o mes de febreiro, en especial nesta última semana. O motivo é o inicio da “tempada de floración”. E en cada aula fixeron as súas propias flores.