lunes, 27 de abril de 2026

FAMILIAS QUE CONTAN, O GALO QUE PUXO UN OVO

Hoxe as nenas e nenos de 3 anos tivemos unha visita moi especial. Lucía, a mamá de André, veu contarnos o conto O galo que puxo un ovo, unha historia moi divertida.
Despois de contalo ensinounos un vídeo de cómo nacen os pitiños, e xa para rematar, trouxo dous de verdade, encantounos velos e tocalos. Moitas grazas por animarte a vir.



viernes, 24 de abril de 2026

CANDO LEMOS, FELIZ DÍA DO LIBRO

Ao longo desta semana conmemoramos na escola o Día do Libro. Aproveitando o clima primaveral desprazámonos ata a Praza da Vila para contar contos ó aire libre. E para conmemorar esta data tan especial compartimos con vós as palabras de Eva Mejuto sobre a lectura e os libros: 

Cando lemos 

percorremos silandeiras as bambolinas dos soños.

Cando lemos

somos a luz do torreiro que alumea nos teus ollos;

somos unha e somos todas sucando contra a marea.

Cando lemos

somos a chuvia que lanza o ar e bate a area.

Cando lemos

prendemos lumes sen chama, arredámonos do frío,

escorrentamos o medo, bebemos sol do resío.

Cando lemos

cruzamos pontes de estrelas tecendo con fío invisible...

porque cando lemos

todo é posible,

sobre todo o imposible.



SEMANA DO LIBRO EN INGLÉS

En inglés estivemos traballando a semana do libro coñecendo unha obra destacada da literatura infantil:  The Gruffalo de Julia Donaldson e Axel Scheffler. Vimos a historia e fixemos unha máscara do Gruffalo.






Así mesmo durante este mes de abril xunto co de maio, estamos a coñecer outros clásicos da literatura infantil:

  • The Adventures of Tom Sawyer.
  • The Prince and the Pauper.
  • The Happy Prince
  • Peter Pan
  • The Wizard of Oz
  • The Very Hungry Caterpillar

miércoles, 22 de abril de 2026

FAMILIAS QUE CONTAN, MARMELADA DE AMORODO

Hoxe na aula de 4 anos, Mila, a nai de Breixo, preparou un taller de marmelada de amorodo. Pasámolo en grande e que rica está. Moitas grazas!


martes, 21 de abril de 2026

EXPOSICIÓN SEMENTEIROS LEITEIROS

No segundo trimestre as familias participaron nun novo reto, convertir un cartón de leite nunha maceta, e despois na escola plantamos nelas fabas, e este foi o resultado. Moitas grazas por participar no reto e por vir visitar a exposición.


lunes, 20 de abril de 2026

O CAMIÑO DA COVA DE EIRÓS

Hoxe visitamos a exposición vinculada ao documental proxectado na casa da cultura sobre “O Camiño da cova Eirós” fai uns días, nela puidemos ver a recreación dun mamut e dunha cova, así como de diferentes ferramentas e vestimenta empregada naquela época.

Grazas á ANPA do CEIP Frei Luis de Granada e ao Concello de Sarria por contar con nós para poder ir a visitala, encantounos!


viernes, 17 de abril de 2026

XELIÑA VAI Ó HORTO

Ao longo desta semana Xeliña deixounos unha misión, encher o seu invernadoiro de diferentes plantas. Puxemos tomates, leitugas, cebolas, pementos e amorodos. Agora toca coidalas e regalas e esperar que nos dean os seus froitos. 

miércoles, 15 de abril de 2026

A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER...

Hoxe desprazámonos ata Lugo para asistir a unha representación teatral no auditorio Gustavo Freire. Unha historia musical interpretada por "A Xanela do Maxín" baseada no álbum editado por Kalandraka, A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Aproveitando o clima primaveral tamén almorzamos ó aire libre e xogamos no parque. Foi unha mañá xenial!

sábado, 11 de abril de 2026

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE, CARREIRA SOLIDARIA

Un curso máis, para conmemorar o Día Mundial da Saúde, fixemos unha carreira solidaria.

Nenas, nenos, familias e profes demos unha volta á escola; e despois merendamos todos xuntos para repoñer forzas. Todo o recadado será doado á Fundación Aladina, que traballan na axuda e investigación para loitar contra o cancro infantil.
Moitísimas grazas ás familias pola vosa colaboración e por facer que sexa un día tan bonito para as vosas fillas e fillos.